2006/03/31

Ás portas doutro Maio Francés?

Hai unhas horas escoitei na Radio Galega a Ramón Chao. Ante a pregunta de se as actuais mobilizacións en Francia poderían derivar noutro Maio Francés, rotundamente dixo que si. ¡Oxalá!
O novo Contrato de Primeiro Emprego ca dereita francesa quere impor busca un camiño por onde o neoliberalismo, derrotado no Referendo sobre a proposta de Constitución para Europa, poida abrir un pouco máis a renuncia ao modelo social europeo, ao chamado Estado de Benestar.
Suporía volver aos principios dun capitalismo, que xa desaparecido o Muro de Berlín, considera que non ten por qué respecta-lo Pacto Social que dende a fin da Segunda Guerra Mundial cimentou a Europa que hoxe coñecemos. O modelo a impoñer é o neocapitalismo Made in USA, onde as grandes e graves diferenzas sociais considéranse un produto lóxico da natureza das cousas.
A dereita sabe ca educación é o principal elemento que permite ás sociedades actuais promocionar aos seus individuos por enriba das súas clases. É un instrumento de igualdade e democracia, por iso o CPE, vaise aplicar aos rapaces de 14 anos en adiante. Volveremos a ouvir que cando un chaval vai mal nos estudos, “sempre será culpa del”, e ao Estado que non está na obriga de investir e implementar políticas integrais que permitan a extensión da educación e a cultura ao conxunto da poboación.
Dentro da lóxica capitalista este é un gasto innecesario. Ademais, como dirían algúns vellos coñecidos do PP galego, xa se sabe cós fillos da dereita son “máis listos”.
A dereita encontrou na precariedade laboral unha forma de domestica-la democracia. Unha persoa en precario e con salarios mínimos, xa ten bastante con ir tirando día a día, como para se preocupar pola transformación da sociedade. É probablemente, acuse da súa situación a unha esquerda parlamentaria que carece de discurso propio ante a globalización do capitalismo salvaxe.
Así,como diría esta dereita que xa sóbralle a democracia, “un non morde a man que lle dá de comer”: ¡Volvamos ao vasalaxe!
Agora, que algúns podemos dicir que tamén votamos non no Referendo europeo, sen por elo ser amoestados, porque se unha cousa deixou clara o pobo francés é que a Constitución Europea proposta, igual que aquel rei do conto, está espida.
Espida dos dereitos sociais e democráticos, que aquí aparecían supeditados aos intereses das multinacionais e á “liberdade de mercado”, que segue a ser a negación da liberdade das persoas.
O Muro de Berlín non soamente foi a fin dos restos do estalinismo. Baixo as súas pedras quedamos o conxunto da esquerda.
A veces sigo os debates económicos de CNN+. O formato é un economista ultraliberal fronte un supostamente socialdemócrata. Mais, basicamente, comparten o mesmo modelo socioeconómico. O da “esquerda”, iso si, defende algúns rasgos sociais, que non deixan de ser un mero verniz que non cuestiona a globalización, nin o capitalismo.
Nos anos 90, houbo un interesante debate no PSOE, publicado pola editorial Sistema, baixo aquilo que se nominou a “Democracia Industrial”. Buscábase cós traballadores participaran na xestión empresarial e un mellor reparto da riqueza. Agora, barallamos, simplemente, como “flexibilizar” o emprego de xeito máis lento ca dereita.
A verdade cós economistas do noso Partido, están orfos de imaxinación.
¿Como é posible cun socialista sexa membro do FMI, cuxa visión do mundo é ca maioría debe traballar ou malvivir, para que unha minoría sexa cada vez máis rica? ¿Iso é democracia?
Non se pode estar sentado co Botín e os traballadores, ao mesmo tempo. Mais outro mundo é posible, e quizais en Francia como diría Chao, pero esta vez o seu fillo Manu: Próxima estación... esperanza.